Comezou a campaña


Onte, dalgún xeito, estoupounos na cara á auténtica campaña polo Pazo do Hórreo. Por unha banda, o cabeza de lista do Partido Popular pola miña provincia natal, Luis Carrera, foi retirado das listas ó Parlamento Galego polas súas irregularidades perante a Facenda Pública, segundo recoñeceu o seu líder Núñez Feijoo. Esta "retirada" ocorre no meio dunha grave crise de partido, que onte mesmo forzaba a dimitir o conselleiro de Deportes de Aguirre e o alcalde de Boadilla del Monte baixo a acusación de corrupción. Mentres, na capital, perto de catro mil seguidores de Galicia Bilingüe saían á rúa para protestar. Ben, en realidade a maioría baixaba de autobuses fletados dende Madrid, mais a quen lle importan istes detalles? E contra que se manifestaron? Contra a suposta persecución que sofre o idioma castelán na nosa terra. Aínda que pareza de chiste, logo de cincocentos anos de opresión lingüística e apenas trinta de ensinanza do galego nas escolas, os castelanfalantes síntense oprimidos. Non contentos con semellante paranoia, insistiron en acodiren a manifestarse ó sancta-sanctorum do galeguismo moderno, a Praza da Quintana, para maior escarnio e rexouba das filas españolistas.


Non hai xustificación para ningún xeito de violencia, mais era visto que ista era unha xogada ben ensaiada polos escuros grupos que compoñen o movemento "bilingüe" -se por eles fose, aínda falariamos só na língua do seu vello imperio-. Montan un enorme circo mediático no que a policía española xoga o papel de acicate dos independentistas, amolados abondo pola provocativa convocatoria de GB. E pasou o que tiña que pasar. Catro parvos lanzan botellas e tódolos que pensan coma eles reciben paus e goma contundente. Carreiras, insultos, pelotas de goma para a masa -só para os que falaban galego- e detencións para os exaltados -unha vez máis, só ós que falaban galego-. Os medios cumpliron o seu papel. Chegaron empotrados ós españolistas -tan nacionalistas coma os outros, que ninguén se engane- e levantaron acta da "bárbara intolerancia dos radicais", unha vez máis, só referíndose ós do lado galego e xamáis os do español. El País, La Voz de Galicia, la Sexta e outros medios supostamente progresistas saíron unánimemente en defensa da calaña reaccionaria que compón Galicia Bilingüe, cargando ás tintas só nunha dirección sen prantexarse matices. O seu odio a todo o que cheire a galego non semella radical, os radicais sempre son os outros. Os que somos minoría seremos sempre culpáveis.


Só queda agardar como queda reflectido nas urnas o verdadeiro calado destes pescantines de río revolto, que buscan mimetizarse cos españolistas de Euskadi e Cataluña para poder presentarse coma víctimas cando eles mesmos recoñecen abertamente que a situación na Galiza é de franca vantaxe para o castelán frente a fala nai e que a súa só é unha causa "preventiva". Presentándose coma víctimas, quizais poidan enganar algún voto incauto. Aprenderono da súa gran mestra do engano, Rosiña Díez, exvasca, exsociata e candidata ó que sexa con tal de figurar. Falan de galescolas coma se fosen centros de reclutamento de Hamas e laianse polos seus direitos humanos cada vez que se lles menta a normalización lingüística da língua própia. Por iso, teñen o apoio dos meios españois, dalgúns que se din galegos e da direita diglósica. O 19 de marzo saberemos de certo cantos de nós cren que o castelán está certamente ameazado na Galiza. E anque sexan milleiros, non deixará de ser mentira.

1 divagando:

Anónimo disse...

Amén. O dos medios foi unha vergoña. Canto periodista desaprovechado e canto carroñeiro da noticia sensacionalista. Dixéronme que ver o video de Vieiros valía a pena.
Apertas,

top