Alto no camiño

 
Chove arreo para estarmos en xullo. O vento fai bater as portas e os veciños ollan a tormenta dende as súas fiestras. Un respiro pequeno nun verán especialmente sahariano. Un verán de vacacións de cidade para cada vez máis xente, ateigando as piscinas municipais por falta de cartos para destinos máis exóticos. Outro verán de malas novas, e con iste xa perdín a conta. Todos estamos fartos, todos temos unha idea concreta de quen son os culpables pero ninguén semella atopar solución ningunha. Tódolos días os xornais e a tele lémbrannos que estamos perdendo unha guerra constante e canto nos vai custar. E nunca vai a mellor. Por iso e por un guiño na orde laboral, fuxín da cidade uns días, perto de un mes, debuxando caseque cinco mil kilómetros en ferrocarril, autoestrada e aire. Dirección, sempre norte, salvo no derradeiro traxecto. Sempre ocorre o mesmo, se non volto á Galiza nun tempo longo asilvéstraseme o carácter. Ademáis, crucei o Eo e o Navia, rompendo por boas razóns os vellos prexuízos, e aínda despois tiven tempo de percorrer a península de noroeste a surleste para recuperar tempo cos verdadeiros incondicionales, paseando por aeroportos desertos e piscinas excesivas. Antes diso, pagou a pena a viaxe entre A Lanzada e San Lorenzo para deixarse levar do albariño á sidra, das ameixas ós oricios se silba unha gaita e ti me sorrís unha mañá tras outra. Tan boa compaña merecía un escenario á altura. O Atlántico e o Cantábrico teñen un aire similar, húmido, térreo e pétreo. Apetece deitarse panza enriba no mar, deixarse levar pola corrente cos ouvidos cheos de auga salgada e os ollos cravados no ceo. Acougar e recargar. Só a miña terra e a ti sodes quen de conseguilo. 


Na rúa, deixou de chover e cheira a asfalto mollado, un final axeitado para o día da Patria, para lembrar quen somos e que estamos a facer coa nosa vida. Ollando a choiva, un séntese suspendido no tempo, como facendo o morto no mar, e pode matinar no que lle pete sen distraccións. Matinando, a modo, recobramos a calma que nos rouban cada día co seu laio constante de cifras, perdas e memorandos. Paga a pena concentrarse para darse conta de que está ocorrendo realmente. Levamos moito tempo aturando iste bochorno político-económico e xa vai sendo tempo de que poñerlle fin ou alomenos remedio. Por iso estou de volta, por que segue facendo falla estar atentos e dar testemuño do que pasa. Ou é que aínda creedes as lerias que nos contan?
top