O Partido Popular tense centrado nesta campaña electoral na provincia de Ourense. É ata gracioso, se temos en conta que dous dos candidatos son ourensáns -da calle General Franco, Feijoo, e de Allariz, Quintana- e que a miña provincia natal é a máis esquecida pola Xunta. Seica será pola súa condición de feudo tradicional recentemente perdido e pola predicción de voto, que podería trocar un ou dous dos escanos populares no Pazo do Hórreo en nacionalistas. Por iso foi que o candidato Feijoo trazou un milleiro de rotas electorais polo rural ourensán -aínda que nese eido el non se deixara ver pola súa escasa popularidade-, puxo ó anterior director de Caixanova, o lucense Luis Carrera Pásaro, como cabeza de lista pola provincia auria e fixou a capital das Burgas coma punto final da campaña á Xunta. Non lle puido saír peor a xogada. Na mesma precampaña saltou ós xornais a trama "Madrid-Valencia", que enzoufa ós dous governos autónomos e mailo propio tesoreiro do Partido Popular. Mentres Feijoo saía en rolda de prensa a participar na enorme cortina de fume dos conservadores para tapar esta trama de corrupción a grande escala, en Ourense xurdíu o "caso Pásaro", que implicaba o antigo banqueiro nun escuro manexo de evasión de impostos nas Illas Caimán. Tamén houbo quen lle reprochou ó candidato conservador a súa estrana amizade con Fernando Martín, dono de Fadesa e breve mandatario merengón, ou que se beneficiara do Plano Xeral de Ordenación Urbanística de Ourense que el mesmo firmara sendo conselleiro de Ordenación no tardofraguismo e que logo sería ilegalizado nos tribunais por dar carta branca ós promotores máis corruptos. Como agardaban que se presentasen a un debate tendo tanto que agochar?
Como as previsións de voto dos populares víronse comprometidas, que non minguadas, pola mala imaxe xeral do partido e o escaso feeling do seu lider, nos despachos do PPdeG botaron man do vello libro de trucos de maxia caciquil. Primeiro mandamento: mentir, publicando que Anxo Quintana tivo un accidente, mesmo matinarían que desexándoo moito acontecería. Segundo mandamento: seguir mentindo e con descaro, coma cando Esperanza Aguirre se rí na nosa cara da autenticidade das grabacións que imputan a varios dos seus conselleiros e compañeiros de filas, algúns deles xa na cadea. Terceiro: crispar, convocando una manifestación contra o galego na capital do noso país atribuíndose a condición de víctimas sendo verdugos ou directamente mofándose dos "galegos profundos" ó estilo colonial de Moragas ou chamando "maricón" nun mitin o candidato socialista por Ourense, como fixo Baltar ante o ambivalente Gallardón. Derradeiro, polo momento: difamar, suxerindo que o vicepresidente en funcións amañou as concesións eólicas na cuberta dun iate. Para este engano, xogaron co meio de maior difusión de Galiza, o españolista La Voz, enrabexado con Quintana polo seu apoio ó Xornal de Galicia, o diario rival editado polo dono do iate en cuestión, Jacinto Rey. Feijoo, digno herdeiro de Cuiña na consellería de Ordenación Territorial, xa pagara a La Voz cen mil euros nos anteriores comicios para que falasen ó seu favor, cartos que se saldan cunha boa dose de ruido mediático como o da devandita foto do iate. Agora, xa sabemos qué xornalistas están á venda e cal é o prezo de La Voz. Onte, en Celanova volveron á carga afirmando nunha folla volante sen firma -tan caciques coma covardes- que a Xunta lles quitará os eidos e as casas ós labregos se non votan o PP. Teñen que estar moi desesperados para argallar semellante leria. Darían mágoa senon desen tanto noxo. Aínda que careza de ningunha convicción nos outros candidatos, só agardo que o primeiro de maio non volten os vellos caciques ultramontanos a desgovernarnos. Madia leva.
0 divagando:
Enviar um comentário