Morte por esquecemento


Non hai peor pobreza ca daquel que se atopa illado. Privado dun camiño algunha parte, afunde nunha espiral de lenta decadencia. A aldea, en África ou se cadra en Galiza, respira unha brétema irrespirable. Os recursos esmorecen ata esgotar e hai que poñer máis esforzo para acadar menos. A actividade, calquera actividade ou producción, mingua ata quedaren colapsada. Non hai mercado, non hai cartos. A comunidade, fechada en si mesma, vai vendo como o seu mundo diminúe e torna cada vez máis baleiro. Non hai proxectos que debuxen un futuro. A vida esvaece.
Sen nada apenas para si, pouco hai que lle ofrece-lo mundo exterior e, como non hai azos para ningunha caste de millora, ninguén, nin os de dentro nin os de fóra, toma a molestia de facer vieiros. Sen estradas, nin recursos, quen vai querer saber nada do que alí acontece? Condeados a dezmarse ata a desaparición, os seus habitantes, que abondo teñen con sobrevivir, son condeados tamén o esquecemento. O mundo é entón un lugar cativo, un casiña sen auga nin fiestras, á que só lean carreiros de terra e nas que non se pode facer máis que saír e sentar na rúa a agardar que algo grave suceda.
Onde estaban Kigali, Mogadiscio, Darfur ou Biafra antes de que nos cegase o cheiro dos seus mortos? No norleste de África, algunhas tribos nómadas esvaécense no deserto á procura de auga. En todo o continente, teñen lugar tódolos días violacións, saqueos, asasinatos, contaxio, mortes por inanición, corrupción e máis escravitude sen que ninguén o saiba. Porque se cadra non o queremos saber.
Non hai camiños que leven ós campos de refuxiados, nin petroleo ou diamantes perto deles, xa que senón coido que xa terían “refuxiado” ós seus habitantes ben lonxe. Xa que logo, non hai corresponsais extranxeiros, non digamos meios locais ceibes, porque ninguén se molestou en falar de democrácia. Ó non haberes información, o silencio barre os máis febles das páxinas da Historia, privandoos, amáis de sustento, recursos, territorio, comunicación, liberdades e demáis luxos occidentais, da súa própia existencia.
Son ninguén porque ningúen en ningures se molestou en saber deles. Por iso, aínda que a nós nos semelle pura cobiza, algúns rachan de xeito furtivo o seu guión endémico, procurando unha codia de pan duro no Norte. Deste xeito, na fuxida sen senso cara ó fachendoso Occidente, os esquecidos trazan na incertidume unha rota improvisada no meio do deserto ou rubido nunha balsa desafiando o mar. Esta odisea de fame e silencio, nembargantes, supón un desprazamento mais caseque nunca supón un troco real. Migrados futirvamente, no Norte concédeselles un nome: ilegais. E, baixo ese nome, coñecerán a outra faciana do illamento, aquela que supón vivir rodeados pola opulencia, mais sen poder sequera fartarse das suas migallas.
Alí, confundidos entre a pobreza autóctona, ficarán nunha casiña sen auga nin fiestras, á que só lean carreiros de terra e nas que non se pode facer máis que saír e sentar na rúa a agardar que algo grave suceda. Porque só ollamos cara eles cando o sangue salpica perto abondo para non poder afasta-la mirada, fuxindo dese xeito de ve-las cousas tan do Norte, que nos nega todo aquelo do que non aturamos ser cómplices, todo aquelo que é tan pobre que por forza, só pode estar sentado, sen comida, educación ou traballo, agardando que algo grave suceda.

1 divagando:

dtordable disse...

muchos lugares de África donde la gente muere de hambre pasan desapercibidos para la mayoría, esos nombres ni siquiera suenan, algunos con aspiraciones geógrafas los conocemos. Por cierto el gallego es más fácil de lo que creía, el como si mezclas el castellano y el portugués, es decir, basura para orcos.

top