Hoxe non

Hoxe non teño ganas de dicir nada, vou demasiado canso e é tarde abondo como pra nin sequera ter ganas de pensar en castelán. Sen razón aparente, seica será pola acumulación de materias bastardas nos miolos, estou esquivo co exterior. Mañá será distinto, mañá comeza agardando na estación de buses. Deíxovos con Uxío Novoneyra, poeta do Caurel, traductor de Mao ao galego, poeta da greve do 72 no Ferrol que xa non tiña dono.

PECHOUSE a noite riba do ucedo
i eu non vin einda a cor da miña amiga.
Agora é cando ún treme e ten medo.

ISTE desacougo! Esta cousa! Esta mao xorda que tira!
Iste querer irse sin saber para onde!

AGORA o meu cor é unha chaga encendida.
Unha mao loba anda escalazándome a ferida.

ESTA door que se oi!
Iste cor meu!
Esta door que me veo ela de seu
Sin saber polo que foi!

FOI coma se caira nunha cova.
Antes era noite i era día
Agora é todo unha negrura loba.

Uxío Novoneyra
Novas verbas de door, de Os Eidos

3 divagando:

Anónimo disse...

Ah... iso é tamén Madrid, V...
Sorte cos exámenes de marras, e moito ollo coas depresións, a morriña, e o gris. Hai que ser de Madrid pra comprender a sua naturaleza traidora, e cando un acaba asi a madrugada dun mércores... o mellor que se pode facer é respirar o ar da terra.

Sexa o que sexa iso.

Ignis fatuus disse...

Esa negrura loba, o desacougo. Aínda existen letras que ler, nun mundo que crece en novas sombras...

"AGORA o meu cor é unha chaga encendida. Unha mao loba anda escalazándome a ferida"

Sorte con exames,

V disse...

Moitas gracias aos dous. Ás veces faime moita falla saber que alguén me segue cando escribo na nosa língoa. O desacougo, o gris Madrid no que me asulago, as saudades,... Ferruxe que me abroa nas madrugadas dos mércores. Os exames van indo meio ben, gracias polo apoio, meus!

top