Unha rúa para don Luís

Na miña casa, Luís Gallego non era calquer outro doutor. Don Luís, como lle chamaron sempre meus pais e meus avós, era un bo amigo. Todos nós, mozos e vellos, pasamos pola súa consulta, no Xardín ou rúa do doutor Marañón, perto das Burgas, e aínda algunha vez que se pasou pola nosa casa a consultar algunha das nosas doenzas. Nunca quería cobrar. Lembralo supón lembrar o meu avó, a admiración que el coma tantos outros ourensáns tiñan por aquel home alto e simpático que nunca quería cobrar a ninguén e sempre tiña remedio que ofrecer. Lembro escoitalo falar no seu galego sinxelo que calquera podía comprender, dun xeito no que nunca escoitei falar a ningún outro doutor. Por que, dende sempre, don Luís tiña gañado o aprecio e respeito dos seus veciños e de calquera que o fose buscar o bar Rojo se non cadraba que estivese na consulta.


A súa é unha lembranza dun Ourense que xa case non existe, unha cidade pequena e esquecida de autobuses vermellos e mercedes de emigrante, de vellos paseantes con cachaba e cigarro apagado nos beizos, de leiteiras afoutas que levaban o seu xénero sobre a cabeza cara a praza de abastos e dos músicos vagabundos da praza do Ferro. Unha cidade que tivo no doutor Gallego un exemplo senlleiro de home bo que fixo todo o que estivo nas súas mans por axudar os demáis.
Por iso é capaz, aínda despois de morto, de que nos poñamos por unha vez dacordo. Por que todos tivemos infancia e pasamos algunha tarde coa nai pola súa consulta. Por que todos lembramos ser cativos, poñernos enfermos e comezar a sentirnos mellor nas súas máns. Pode ser que só por iso mereza unha homenaxe do seu povo, de todos aqueles que lle debemos algunha que outra consulta. Ou por que costa encontrar outro ourensán que ocupe con máis merecemento o nome dunha rúa ou dun hospital. E aínda lle quedaremos debendo moito.

1 divagando:

Anónimo disse...

QUÉ LEDICIA VER O NOME DO DOUTOR "DON lUIS" NESTE MOMENTO NO QUE ESQUECERSE DOS QUE VALEN É O DEPORTE NACIONAL.
POR SUPOSTO QUE OURENSE DEBERÍA PONERLLE UNHA RÚA A UN HOME QUE ATENDEU SIN HORARIO A XENTE DE TODO TIPO E CONDICIÓN, ACERTANDO NOS DIAGNÓSTICOS BASTANTE MÁIS QUE OUTROS DOUTORES QUE CONTINUAMENTE SAEN NA PRENSA LOCAL OU NOS SUPLEMENTOS VIDA OU AURIA.
ESTE HOME É O EXEMPLO MÁIS CLARO DE QUE A VOCACIÓN PODE DURAR TODA A VIDA E QUE NON IMPORTA QUEN SEXA O PACIENTE.
HAI QUE TER EN CONTA QUE POUCOS MÉDICOS DEDICARON TANTO TEMPO, ESMERO E DEDICACIÓN OS NENOS DAS FAMILIAS MÁIS POBRES DE OURENSE ...SEN ESPERAR NADA A CAMBIO.
VOTAREI DONDE SEXA POR QUE A ESTE HOME LLE DEDIQUEN UNHA RÚA, AVENIDA, PLAZA... E NOS DEIXEMOS DE SUSTITUIR CAPITÁN ELOY POR RÚA DA CONCORDIA CANDO HAI MOITOS NOMES PROPIOS ESPERANDO UN MERECIDO RECOÑECEMENTO.XA PARECEMOS AMERICANOS POÑENDO NOMES IMPERSOAIS...
SALUDOS DUNHA EMIGRANTE OURENSANA EN EXTREMADURA QUE PASOU MOITAS VECES POLAS SABIAS MANS DE DON LUIS E QUE HOXE SE ESTREA NESTE BLOG IRMAO...

top