É abraiante canto aprendeu a dictadura marroquina dos seus socios israelíes e estadounidenses en tan pouco tempo. O recurso do victimismo, ise que Rabat mostra cando chama racistas a aquiles que non concordan coas súas manipulacións, sumada á falsa atribución a Al Qaeda aprendida da administración Bush, compoñen o núcleo principal do argumentario alahuita para agochar a opresión ó pobo saharahui e, non convén esquecelo, tamén ó seu propio pobo. "A prensa española é racista, falaz e odiosa", din os servidores da monarquía, e caseque semella un cumplido, vendo o material de intoxicación que publican os meios marroquinos istes días. Case abraia que os lacaios de Mohamed VI non ofrezan traballo ós mesmos xornalistas de ABC, Radio Exterior, El País, Antena 3 e a SER ós que acusan de mentir e prohiben a entrada nos seus dominios.
Entrementas, o governo de Madrid atura o chaparrón de aldraxes cun estoicismo servil e decepcionante, como o dise amigo que che sigue a corrente porque che debe cartos. A ministra de Exteriores, Trinidad Jiménez, recibe con nugalla ós xornalista e activistas rescatados do Sáhara, mentres fai desaparecer da súa chupa de coiro os restos de pegatinas do Frente Polisario que ata fai pouco lucía orgullosa. Semella, coma onte denunciaba El Economista, que hai máis de 1.200 millóns de euros dos fosfatos en xogo e iso é o único que conta.
Ise é o prezo da liberdade de expresión e información dos xornalistas en Marrocos. Ise é o premio ó que aspira España por non denunciar o xenocidio continuado e flagrante do pobo saharahui. Trinta moedas que nin dan quiran a fame nin borrarán o sangue de novos mártires. Seica só se bota man da Lei de Partidos e a Constitución cando os que lamentan pero non condean a barbarie son os independentistas e non os propios ministros. Seica a nosa prensa ceibe ten que aturar os consellos dun estado dictatorial que encobre a súa limpeza étnica. España só é unha democracia cando a Mohamed VI lle peta.
0 divagando:
Enviar um comentário