Primeira liña


Fai un tempiño que non me deixo caer por istes lares. Andará atarefado, diredes, e non vos estaredes trabucando. Nove anos despois, voltei a festivalear no Viña, repetindo ós Suaves, O'Funk'illo, Ojos de Brujo e Narco no cartel e compaña semellante de tenda e piqueta. Na previa, un reto de dúas horas por diante e pouco guión perante o micro. O meu corpo aturou mellor do previsto as xornadas maratonianas do choio ó concerto e de volta a traballar sen apenas tempo para escapar dunha ducha. Será que nos imos afiando nestes anos escuros de crise. Anda o mundo tolo e son chegados os tempos de estaren á espreita e moverse axiña, afacéndose de contado a calquer imprevisto e aproveitando calquer ocasión para esparexerse. O devalar dos acontecementos muda de forma insospeitada. Os sinais chegan de moitas partes. Os especuladores, cal manada carroñeira de voitres, morden as carnes máis febles dos mercados. Os países xogan ó monopoly e coquetean coa bancarrota. A xente sae ás rúas sen teren moi claro porqué, empurrados pola mera acumulación de carraxe, ouveando contra un inimigo descoñecido que, agochado tralos medios, zuga dos impostos mentras apreta a súa usura. 


A prensa non fala da revolta nas rúas de Grecia, non da conta dos porqués, de antecedentes e consecuencias. Os papeis só falan de mortos e feridos, de distubios e confusión. Elixiron coma icona da protesta da praza Sintagma a un can de palleiro que, a semellanza do mítico Cojo Manteca, forma parte da primeira liña de ataque dos máis feros fillos de Molotov. En Bélxica, moitos comezan a preparalo velatorio do país sen saber moi de certo que parte da herdanza lle toca a Flandes e cal a Valonia. Na Grande Bretaña, nai e custodia do sistema bipartidista dende Lord Gladstone e Disraeli, as eleccións deixan un panorama de pactos, fragmentación de voto, espalla nacionalista e polémicas sobre representatividade que nos sonan ben familiares. O mellor de todo, o descubrimento dunha nova figura política de calado, Derek Jackson, o líder do Partido dos Labregos sen Terra. Descubrino na comparecencia do case ex premier británico Gordon Brown para valorar os resultados eleitorais na súa circunscripción do leste escocés. Atrás del, co cabelo rapado, anteollos negros e puño ergueito, estaba Jackson, que obtivo uns centos de papeletas coas súas chamadas ó voto antisistema e a revolta dos labregos contra á coroa e os banqueiros. Alomenos, non prometeu facer política ecolóxica coma Obama, que primeiro vendeu Alaska ás petroleiras e logo lles bota a culpa polo verquido de chapapote no Golfo de México. O poder destingue e as catástrofes sempre voltan a Nova Orleáns.


Vivimos anos moi tolos e cómpre estar na primeira liña. En algures, en todas partes, están a suceder feitos estranos dun tempo convulso que algún día contaremos sen que ninguén nos crea. Que os deuses nos garden a lucidez cando cheguemos a vellos.


0 divagando:

top