O vello caimán

Morreu onte pola noite o patriarca da direita española e os meios de comunicación non agardaron moito para comezar a rolda de louvanzas que todo persoeiro recén falecido, aínda que sexa máis malo ca peste, recibe nas esquelas dos xornais. Xa sabedes que o finado non era do meu agrado, coma vos contei nesta, naquela e nestroutra entrada. Non hai moito, morreu o intelectual Isaac Díaz Pardo, defensor da identidade e a cultura de Galiza, e tódolos vellos inimigos pasaron un por un pola prensa para botarlle un responso falso. Co vello patriarca, estas louvanzas xornalísticas pasan moitas veces por esquecer no obituario os méritos e logros que acumulou en tempos da ditadura.


Algúns diarios e telexornais prefiren esquecer a súa defensa prepotente da sentencia a morte de Julián Grimau, tanto en 1963 coma en 2006, cando non dubidou en emporcar a memoria do militante comunista morto no garrote vil chamandoo "sanguinario asasino", aínda que non constase ningún delito de sangue no seu expediente. Tampouco se dí moito de declaracións coma "Franco foi un dos maiores governantes do século XX" ou "a legalización do partido comunista é un golpe de estado", nin tampouco "ser nacionalista é ser un traidor". Para que falar dos seus ataques verbais contra os homosexuais ou o uso do preservativo. Outros meios agochan o papel do Fraga vicepresidente do derradeiro governo do franquismo. En Montejurra e en Vitoria, Fraga esixiu á policía que reprimise calquer manifestación para facer bo o seu dito de que a rúa era súa. Sete traballadores, entre eles un mozo de dezasete anos, foron asasinados por axentes que cumplían ordes dadas por Fraga. E aínda menos se fala da defensa acérrima que o finado fixo do seu amigo Pinochet cando foi xulgado en Londres polos seus crimes.


Vendo os xornais estranxeiros, decatámonos de que a santificación dos persoeiros mortos non só é cousa nosa. Na mesmísima Cuba, o oficial Granma branquea tanto a imaxe de Fraga que nen sequera menciona a ditadura no obituario e falan del só a partires da súa paternidade constitucional. Seica a amizade dos Castro co vello cacique non caducou aínda. Hai que buscar na Arxentina, en Clarín, para ler que os maiores méritos da súa carreira política tiveron lugar nos tempos do franquismo, cando acadou o posto de ministro de Información e Turismo e a vicepresidencia baixo a dirección de Arias Navarro. Trala transición, non volveu a un governo estatal máis que coma xefe da oposición entre 1982 e 1989 e logo tivo que replegar o seu poder á Galiza, onde acadou o posto de terceiro presidente autonómico e defendeuno con azos thacherianos durante tres lustros. Lembro, sendo cativo, as movilizacións nos estaleiros de Vigo e Ferrol, as tractoradas que espallaban esterco no pazo de Raxoi e a dobre voladura do seu refuxio en Perbes. Mais, por riba de todo, lembro a súa derrota nas autonómicas de 2005.


Foise o vello caimán que soubo cambiar de pel tantas veces e non podo dicir que me alede da súa morte. A diferencia de moitos dos esbirros do réxime que Fraga tanto defendeu, non necesito ver morto o meu adversario para vencelo. Ser testemuña da súa derrota ante socialistas e nacionalistas foi o momento da queda definitiva de Fraga. Agora, cando os herdeiros do patriarca mandan na Galiza e en caseque todo o estado, non hai nada que festexar. Unha xeración de caciques vaise, só para seren reemplazada por outra máis nova e cobizosa. Cómpre exercitala memoria e non esquecer quen era o que agora se vai e quen puxo aí os que agora mandan.


top