Brétema


Amenceu Madrid xogando a ser Londres, cuberta dun veo mesto e húmido que a fai mudar dun xeito inesperado. Engalanada coma unha muller misteriosa, a cidade semella distinta e os seus transeuntes tamén varían a súa habitual rutina de grande urbe. Fállalles auga nesta vila mesetaria e non sempre saben agradecela cando lles ven de súpeto. Vistas a traverso do neboeiro, as rúas semellan dirixirnos a lugares máis apetecidos que os de costume. Un certo senso de maxia se agocha na incertidume de non saber que hai no outro lado do veo. Mais, coma acostuma, todo é un simple truco de prestidixitador que non tardará en se disipar. Aínda e todo, un dos seus viandantes puido aproveitarse desta brétema de excepción para agocharse das súas pantasmas e soñar por un intre que esa luz difusa dos farois alumeaba a outro home distinto nunha cidade lonxana. O final, cae o ceo nas nosas cabezas e esquecemos onde queda o chan.

0 divagando:

top