Morte dun vello galeguista


Morreu a pasada semana Francisco Fernández del Riego os noventa e sete anos. Moitos non o coñecerán, aínda dende dentro da nósa terra. Outros lembrarán aquel home afouto de cabelo branco que presidíu a Real Academia Galega xusto despois doutro galeguista histórico da súa xeración, Domingo García-Sabell. Non nacen a cotío homes coma eles na nósa terra, xente coma a do grupo de amigos de Del Riego, que incluía a Rafael Dieste, Luís Seoane ou os tamén lucenses Ánxel Fole ou Ramón Piñeiro. A esa xeración, nada no erial de comezos de século ou na migración, témoslle que agradecer a autonomía da Galiza na Segunda República española, a resistencia cultural dos anos corenta e cincuenta e a meirande producción literatura que o galego ten coñecido. Eles sos, sen se deixar calar polo fascismo e a criminalización do noso povo, crearon institucións, acadaron sona e lexitimidade moral en todo o mundo e conqueriron unha vitoria crucial para todos nós: facer da Galiza unha nación xenuina, tanto na rúa coma no maxín de tódolos galegos. Da conspiración ó pe da lareira, os galegos pasamos a contar cun partido de seu, cunha editorial Galaxia que protexeu a fala da barbarie extranxeira e o esquecemento, unha Real Academia que lle deu novo pulo, e, co devalar do tempo, uns órganos de governo própios.

Os herdeiros da Xeración Nós non eran uns chaíñas. Venceron á diglosia dos vellos tempos e, ata fai pouco tempo, seguiron loitando contra os novos bárbaros e as súas campañas de desprestixio de todo aquilo que sexa nóso. Ata o derradeiro día, Del Riego defendeu o nóso patrimonio da inxuria e o rudo encono dos sipaios, os imbéciles e duros que por non entendernos a nós, prefiren entenderse con Rosa Díez e os secuaces da anti-Galiza. A que nega a herdanza céltiga, a que bota por terra as nósas tradicións, a que cuspe cando fala a nósa língoa e se ofende cando nos escoita cantar Os Pinos. Morreu Manuel Fernández del Riego e a traxedia auténtica é que non hai ninguén que sexa quén de reemplazalo. Mais non desesperedes, que os nosos vellos deixaron sementado o xerme dun povo sen fachenda que pode ter orgullo de seu gracias as xeracións de vellos heroes que agora morren sen que ninguén pareza decatarse.

0 divagando:

top