A nube comeza a afastarse empurrada polo vento que fuxe cara o leste. Pecho os ollos para escoitalo zoar mentres xoga co meu cabelo. De súpeto, faise a luz o meu redor, a cor vermella alumea o interior das miñas pálpebras. Fóra saíu o sol, nótao a miña pel, véxoo sen ter que abrilos ollos. Estou deitado en algures, poida que nun dos areais nos que pasei tantos veráns ou no cumio dalgún edificio capitalino.
O único certo é que o botaba en falla; o agarimo dos raios do sol nas meixelas, o ar asubiándome nos ouvidos e o vermello profundo de ver sen mirar. Noto tremar as follas das árbores, as gaivotas, o propio chan, coma trema cada anaco diste corpo entumecido polas tebras. Deitado baixo o sol, as liñas do tempo confúndense e semella coma se estivese a vivir un intre que acontece, aconteceu e acontecerá en distintos momentos da miña vida, pero que, ó ocorrer agora mesmo, é coma se estivese á vez en tódolos lugares nos que me sentín diste xeito. Coma unha frecha que atravesa e xungue as liñas sinuosas do espacio e o percorrer vago do tempo. Un intre, repetido ó longo de moitos anos e desfrutado unha sóa e todas e cada unha das veces.
pixies -
0 divagando:
Enviar um comentário