A Audiencia Nacional de Madrid resolveu onte definitivamente o peche do diario euskaldun Egunkaria, absolvendo ós seus cinco directivos, Martxelo Otamendi, Ignacio Uria, Juan Mari Torrealdai, José María Auzmendi e Xavier Oleaga do delito de integración en banda terrorista. Sete anos despois da clausura "preventiva" do xornal o 20 de febreiro de 2003, os tribunais españois corrixen o erro da súa propia xudicatura que levou á desaparición do único medio de comunicación euskera escrito na súa lingua. Esta controvertida decisión, recoñecida coma inconstitucional, estreita de miras e errónea pola Audiencia, foi no seu momento asumida polo xuíz Juan del Olmo, xa coñecido pola súa perspicacia e respeto a liberdade de expresión polo seu secuestro da revista satírica El Jueves por unha portada pouco sutil na súa mofa á monarquía.
Para del Olmo, como para os denunciantes, a españolista Dignidad y Justicia e a Asociación de Víctimas do Terrorismo, Egunkaría semellaba culpable só por se editar en euskera e baixo unha perspectiva abertzale. No seu maxín, iste feito xa supón unha postura sospeitosa, digna dun estricto escritinio xudicial cando non da mordaza policial. Nada máis e nada menos que entre 12 e 15 anos de cadea pediron para cada un dos seus nove directivos encausados. Para rematalo cadro, un capitán da garda civil aportou ó entonces fiscal Eduardo Fungairiño -outro sospeitoso cotián- unhas comunicacións internas dos etarras nas que se falaba vagamente de buscar influencia social a través das páxinas dun xornal afín. Diste xeito, vencelláronos cos etarras por teren copias dos zutabes, as mesmas que se poden atopar na redacción de El País ou do ABC. Xa o dicía Martxelo Otamendi nunha entrevista que lle fixen en 2004, a súa imaxinación ou mala intención fixeron o resto.
Non se lles ocorreu cousa mellor que pechar a única rotativa non escrita no seu idioma para evitar calquer contaxio nos medios. Pretextando unha guerra contra o terrorismo que nunca remata, tanto lles tiveron as críticas do Europarlamento, das organización internacionais de dereitos humáns ou a mesma renuncia da Fiscalía a proseguir coa acusación. A caverna odia calquer tipo de disidencia e a xente de Egunkaria tiña papeletas demáis para non sufrir as consecuencias da súa intransixencia. Non o digo eu, dío a propia Audiencia, órgano que, por outra parte, pode ser sospeitoso de case todo menos de simpatías separatistas. Como se preguntaba o seu fiscal, Miguel Ángel Carballo: "Se Egunkaria non é instrumento de financiación ou blanqueo de fondos provintes do terrorismo, nin o xornal da un apoio expreso ou tácito ó terrorismo de ETA, nin fomenta ou lexitima a violencia, ¿de qué lle servíu ós intereses de ETA a actividade do diario?". Para o que servíu foi para que a xustiza española se retratase nun retraso inxustificado de 7 anos e unha acción xudicial teimuda, politizada e pouco rigorosa que non dubidou en forzalo artigo 129 do Código Penal e inventar supostos blanqueos de capital.
Agora, algúns teimarán en acusar os traballadores de Egunkaria (hoxe Berria) de estar a prol do terrorismo e de finacialo a través da indemnización de 60 millóns de euros que lles será outorgada. Os seus xornais, os que incitan o odio ó diferente, non recoñecen unha sentencia que afirma que no xornal non se defenderon os postulados etarras nin se xustificou a súa violencia. A liña editorial de outros medios, proclives ó extremo oposto, bailan entre a infamia e a carraxe. Será que ós paladíns da defensa de España non lles ameaza a Lei de Partidos ou porque na súa loita contra todo o que non sexa eles mesmos, perderon a vergoña o mesmo tempo que a razón.
0 divagando:
Enviar um comentário