O día internacional do Zurdo


Hoxe ven sendo o día adicado o recoñecemento do orgullo manicho. Mais non aparece nas portadas. Botémoslle unha ollada ás novas do xornal a ver que de bo pasou no mundo. De primeiras, morreu o mítico Les Paul os 94 anos, tras máis de sesenta facendo, vendendo e tocando as mellores guitarras do mundo. O exército israelí, acusado de asasinar once civís que abaneaban bandeiras brancas. O tifón Morakot arrasa o sur de China, deixando cáseque dez mil persoas sen casa, sen eidos e a pouco menos dun milleiro sen vida. Tropas danesas e belgas da OTAN invaden por erro, ou se cadra non, o areal vigués de Samil ante a rexouba xeral dos bañistas e o anoxo da garda civil. Á outra beira do Atlántico, doce anos despois os culpables da matanza de Acteal, armados e pagados polo PRI entón no governo, foron ceibados sen cargos, deixando impune o asasinato a sangue fría de dezaseis nenos, vinte mulleres e nove homes na chamada Columna de la Infamia. En Caracas, un cento de matóns gobernamentais mallan nun fato de xornalistas de diversos canais e diarios locais. En Centroamérica, voltaron os vellos tempos dos golpes de estado, mentres a superpotencia espállase no seu santuario colombiano. Guerra aberta en Afganistán, guerra civil en Irak, guerra sucia en Chechenia, Filipinas, Somalia, Congo e no Xingjiang uigur. Crise económica e promesas baleiras dun mañá mellor. Arden coches nas noites francesas, outra vez en vinganza pola violencia policial contra os mozos da banlieue. Ollando ás paxinas estatais, a oposición española arranxa probas falsas para fuxir das súas contas coa xustiza. En Euskadi, ises mesmos xuices prohiben manifestacións e arrincan fotos de presos das paredes. En Catalunya, un okupa é condeado a tres anos na cadea por esmagarlle o nariz a un antidisturbios dunha sóa puñada. Na Galiza, o próximo luns 17, cabodano do asasinato polas costas de Alexandre Bóveda e dende entón considerado día da Galiza Mártir, recoñecerán trinta e catro anos despois a súa condición de vítima do franquismo. Mentres, nas Canarias, un inmigrante uruguaio sen papeis morre dun infarto sen que ninguén o asista porque o seu xefe empurrouno á rua o quedar inconsciente. Mentres, na Amazonía brasileira, o entertainer sensacionalista e deputado conservador Walter Souza foi detido por ordear crimes para aumentar a audiéncia do seu programa de sucesos na televisión. Para que inventar lerias coa elevada dose de traxedia que nos acompaña. O mundo semella podre. Aínda eu son quen de me decatar diso. E sei que moitas destas novas non van saír no meu informativo de mañá a primeira hora. Tanto ten, esta noite recibín un chivatazo que podería resultar un bo reportaxe que lle vender os xefes. Canta máis desgracia nos arrodee, máis traballo nas redaccións. Só queda apretalos dentes, erguer unha copa á saude da vella lenda da guitarra e seguirlle buscando o senso a tanta tolemia. Jusqu' ici, tout va bien.

collective soul - shine


 

0 divagando:

top