Solaina de inverno


Solpor a carón do mar. Abraia ver como os mesmos espazos que se enchen no verán do balbordo dos bañistas semellan fóra de lugar ó pasar setembro. Agochan en sí unha beleza desolada, coma se unha catástrofe nos empurrase fóra de circulación mais deixase intacta a paisaxe, os recunchos que fixemos nosos tantas e tantas veces. Os mesmos edificios, o mesmo océano infindo e os areais que o cinguen semellan moito máis bonitos sen nós. Unha praia en inverno e o lugar perfecto para desfrutar da soidade desexada, do intre de reflexión de quen precisa do silencio para escoitarse a sí mesmo, aínda que só sexa por unha tarde. Morre o serán a beira do mar, esgótase o ano na terra nai, a man relaxa os músculos para volverse a tensar de novo nun puño fechado ó desacougo. Que teñades un aninovo ledo e, se tedes un intre que sexa só para vós, regaládevos un paseíño pola praia antes de que remate o inverno. Paga a pena atoparse cun mesmo, aínda que só sexa por botarvos un chisco máis a faltar.

1 divagando:

Ignis Fatuus disse...

Canto tempo sen pasar por estas liñas. Voute facer caso co consello, non se oe mellor a un mesmo que en lugares salgados. Besiño

top