Resistencia contra o silencio


Hoxe morrerá un xornal galego. Iste será o derradeiro día no que saia á rúa o xornal Galicia Hoxe, o único de pago que se imprime íntegramente en galego dende o peche da edición física de A Nosa Terra. Oito anos despois do seu lanzamento, o Grupo Correo, editor diste xornal e do moi español El Correo Gallego, xustifica esta decisión pola falla de axudas institucionais e, como non, pola crise económica. O que non din é que a dirección do grupo non estaba nada contenta co rumbo editorial combativo que mantiña Galicia Hoxe, nin que o seu persoal xa estaba sometido a recortes e expedientes de regulación de emprego dende fai tempo. Dezanove traballadores irán á rúa e só dous manterán viva a cabeceira na súa edición on-line. Diste xeito, só queda xa un xornal diario na nosa lingua, o gratuito De Luns a Venres, mentres que o resto da prensa que se edita no noso país relega o galego a unha presenza caseque testimonial. En La Voz de Galicia, a diglosia é evidente. O castelán é a lingua dos asuntos "importantes", mentres que a fala nai queda só para lerias culturais e novas das bisbarras. Para aqueles teimudos que queiran ler na súa fala nai, os magnánimos dirixentes da Voz puxeron a súa disposición unha edición en galego, mais feita cun tradutor automático. Cousa semellante se pode dicir do Faro de Vigo, do Progreso ou da Región. ¿Qué é o que está a acontecer nun país no que se fala unha língua na rúa e se emprega outra nos medios de comunicación?

O noso idioma, con máis de mil anos de historia e unha literatura respeitada e prolífica, carece de medios de seu. Coma noutros ámbitos, semella que todos agardamos que sexan as institucións as que os apoien financieramente, coma se non fose con nós o feito de manter viva unha liña de expresión feita e pensada no país. Noutros ámbitos, só a televisión e a radio públicas cobren o anaco de emisión na língua propia. O único espazo comunicativo no que o galego segue con forza é o de Internet, e aí é onde hai un chisco de esperanza. Na rede, sen necesidade de grandes inversións ou suporte publicitario, espállase unha voz propia que nos levará ó futuro. Mais non podemos deixarnos levar por unha fachenda máis que inxustificada. Se non queremos ser a xeración que enterrou o noso idioma, temos que pornos a traballar. Os xornalistas, ós primeiros. O galego aturou séculos de prohibición, complexos de inferioridade impostos e varias dictaduras foráneas. E resistiu. Mañá, cando se paren definitivamente ás rotativas de Galicia Hoxe, será un idioma máis invisible e nós, os galegos, seremos un chisco menos ceibes. Canto máis terá que resistir a nosa vella fala de pedra e auga?

0 divagando:

top