Lembranzas dunha vieira galega


Na Galiza, o esquecemento é algo cotián. Queixámonos de que, alén do país, os que mandan nunca se lembran de nós para termos unhas estradas decentes, un governo de seu ou un fato de cartos que non nos empurre a migración constante. Os mesmos romanos, chegados as nosas lindes fai dous mil anos, tiveron medo de cruzar o río Limia, xa que crían ter topado co famoso río do Esquecemento, o Lethes que separa o mundo dos mortos do dos vivos e que só un fero Caronte sería quen de desafiar. Esquecer dásenos ben os galegos, malia a fama de sentidos e saudosos que nos precede. Poucos lembran o espírito irredento que mora en nós e que, de século en século, xorde sen dar aviso nunha xeira de carraxe e teimuda dignidade. Na historia están escritos os exemplos dos ártabros céltigos que deteron unha dúcia de anos as invencibles lexións romanas, dos suevos destemidos que só rendían culto ó porco bravo e ó dragón ou das revoltas irmandiñas que venceron os exércitos casteláns da reconquista e choutaron a sete bispos ó río Miño sen temerlle nin un chisco á cólera do seu deus. E sen embargo, todos eles foron esquecidos e deixados nun lado caseque anecdótico da nosa historia.

Esvaéronse coma tamén desapareceu o baril ourensán Alfonso Graña, coñecido como Alfonso I da Amazonia, que chegou a ser rei de cinco mil xíbaros nos anos vinte do século pasado. Ou o noso único astronauta, Fernando "Frank" Caldeiro, falecido fai catro anos en Texas, onde se lle rendiron honores, mentres na terra dos seus pais ninguén soupo del. Conquistadores coma Vimara Pérez, Pedro Sarmiento, Rodrigo de Quiroga ou ídolos do rock coma Jerry García, pai da psicodelia, alma dos Grateful Dead e neto da mesmísima Coruña. Postos a nubrar a nosa memoria, mesmo esquecimos que un dos mellores xogadores de fútbol de tódolos tempos é o herculino Luís Suárez. Eles non teñen a sona de outros, como o generalito, Rouco Varela, Jesús Vazquez ou o mesmo Julio Iglesias. Ises son os galegos que todos coñecemos e sufrimos. Mais persoaxes de semellante catadura non dan para moita fachenda, dado que eles mesmos semellan ter esquecido á súa terra e a súa fala.

O que hoxe me leva a iste exercizo de lembranza non é a reivindicación do evidente, senón un achádego tan inquedante coma revelador. Os xornais de hoxe falan dunha trama de furtivos que rianxaban vieira da ría ferrolá. Nada fóra do común se non fose porque as vieiras de marras teñen consigo unha doenza que leva a quen as come a un estado de esquecemento. Non é que tódalas vieiras teñan de por sí esas propiedades, senón que as repetidas mareas negras nas nosas costas infectaron o noso bivalvo máis emblemático coa toxina amnésica. Quizáis sexa por iso que os galegos esquecemos, por unha condena case poética. Non fixemos nada por coidar o que é noso e agora a natureza vóltanos o golpe onde máis nos doe. Na saudade e no bandullo.

2 divagando:

Enric Draven disse...

Ese pedazo de V. Hacía tiempo que no te visitaba. Como va por las tierras galegas?

saludos!

Enric

V disse...

Ei, Enric! Muchas gracias por la visita. La verdad es que sigo viviendo en Madrid, así que la tierra galega me tendré que conformar con visitarla en vacaciones. ¿Qué tal Barcelona?

Un saludo

top